Saturday 04 de May de 2024

O ‘FalaRedes’ e ‘Nós contra a violencia’ enchen a ponte festiva de propostas de lecer nos concellos


O programa de actividades da Xunta de Galicia fai parada en Outes, Frades, Negreira, Oímbra e Cambados
Nove concellos galegos acollen durante a ponte festiva outras tantas actividades impulsadas pola Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes e da campaña Nós contra a violencia. Esta última iniciativa desenvólvese en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade para darlle cumprimento aos obxectivos establecidos no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A Coruña abre hoxe, xoves, a programación destes días cunha actividade encadrada no programa Nós contra a violencia. Esta primeira cita, con Ítaca Teatro, é no Centro Sociocultural Ágora, ás 20,00 horas. A compañía representará a peza Cinco minutos sen respirar, baseada nunha obra do dramaturgo venezolano Gustavo Ott na que se abordan temas como o amor, o suicidio, a familia, a violencia e a necesidade humana de imaxinar historias para fuxir da realidade. Esta mesma función poderá verse o sábado, 2 de novembro, ás 19,00 horas, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, e o domingo, 3 de novembro, ás 18,30 horas, no Centro Torrente Ballester de Ribadavia.

Mañá, venres 1, tamén o concello de Ribadavia acolle o espectáculo de dinamización lingüística Mai Mai, a cargo de Baobab Teatro, cunha función ás 17,00 horas na Casa da Cultura. A mesma proposta de dinamización lingüística e sensibilización contra a violencia de xénero, dirixida ás familias con cativada desde os cinco anos, poderase gozar o sábado 2 en Muros, ás 12,00 horas na Casa da Cultura da localidade.

Estrea sobre a figura de Eduardo Pondal
A ponte festiva acolle a estrea no FalaRedes: Fillos do sol, unha obra dirixida por Cándido Pazó que se achega á figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que o ocupou toda a súa vida como escritor, Os Eoas, da man de Contraproducións. Pensada para un público maior de 14 anos, a primeira función será este domingo día 3 en Cambados (no Auditorio Municipal, ás 19,00 horas). Ata o vindeiro 8 de decembro, César Cambeiro, Adrián Ríos e Alba Bermúdez, protagonistas da peza teatral, subirán a sete escenarios máis da RDL en Foz, Viveiro, Verín, Xinzo de Limia, Santa Comba, As Neves e Salceda de Caselas.

Dentro das propostas do FalaRedes destinadas ás familias con cativada, a actividade Rosa caramelo e outras historias, a cargo da coñecida compañía Talía Teatro e inspirada nos contos da italiana Adela Turín, pioneira na investigación da literatura infantil e xuvenil desde a perspectiva de xénero. Poderase gozar o domingo 3 en Negreira, no Auditorio do Centro Sociocultural, ás 13,00 horas e nas vindeiras semanas en Lalín, Trazo, Burela, O Porriño, Vilagarcía de Arousa e Viana do Bolo.

Magín Blanco, acompañado de Teatro Ghazafellos e Cristian Leggiero, empraza as familias con cativada en tres localidades para facer parada coa nova proposta teatral-musical A nena e o grilo máis aló o venres 1 en Outes (na Casa da Cultura, ás 19,00 horas) e o sábado, día 2, no concello de Frades (Casa da Cultura, ás 17,00 horas). O domingo 3, a cita son será en Oímbra (Centro Social, 18,00 horas). As seguintes citas en localidades da RDL serán, ata novembro, en Boimorto e Pontecesures.

Toda a información e calendarios completos dispoñibles no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.